Opinión

Pensións

Como un pensionista máis, recibín unha carta da ministra de Emprego e Seguridade Social, na que me notifica a revalorización da pensión para o ano que andamos. Me di na misiva que a partires do 1 de xaneiro, a pensión aumentou un 0,25%. Ata aí todo correcto. No parágrafo cuarto di literalmente: “Aprovecho estas líneas para recordarle que el pasado año y a pesar de la difícil coyuntura económica, las pensiones subieron entre un 1% y un 2% dependiendo de su cuantía”. Non o aprecio así, a miña suba da pensión foi exactamente de 0,21%.
Tamén se di: “Quiero trasladarle, que ha entrado en vigor la nueva ley de revalorización de las pensiones y prestaciones de sistema público de Seguridad Social, que garantiza que las pensiones subirán todos los años sea cual sea la situación económica y que nunca podrán ser congeladas”. Aludindo supoño a ese 0,25%. Persoalmente, e respectando a forma de ve-la revalorización das pensións, coa entrada en vigor da nova fórmula, este ano perdín parte da miña pensión nunha contía do 1,25% que é o valor da suba dos prezos ao consumo. Este tanto por cento non o houbese perdido coa antiga lei.
Dende 2006 ata hoxe, as pensións baixaron o 11,25% con relación ao IPC. Segundo a fórmula da señora ministra as pensións subirán un 0,25% neste ano. Mentres que a revisión da inflación que fixo o Goberno vai ser do 1,50% no 2014, por o que todas as pensións perderán este ano un 1,25% de poder adquisitivo.
A blindaxe contra a inflación asinado no Pacto de Toledo, que durante vinte anos estivo vixente, para a protección das pensións mantendo o poder adquisitivo, perdémolo.
No parágrafo quinto di: “Seguimos trabajando para conservar un sistema de pensiones sólido, estable y solidario de todos y para todos”. Eu, persoalmente, non o creo, como non creo na suba de salarios en xeral para os traballadores de clase media e funcionarios, que en realidade se rebaixaron e, para algúns executivos das grandes empresas subiron un 7,5%. ¿Onde está a solidariedade?
Coa nova reforma laboral se está a favorece-lo traballo precario e obrigando ás empresas e sindicatos a rebaixaren o salarios dos traballadores. Xa sei que se cumpren as ordes que dita Bruxelas e nós, os pensionistas e traballadores, somos os que sacamos ao país da crise co noso esforzo e os recortes que se nos impoñen. Non sei as intencións de crear un comité de sabios se non son capaces de faceren unha reforma fiscal máis equitativa para que paguen máis impostos os que máis gañan… Bruxelas lles está esixindo unha volta de rosca máis para que impoñan máis recortes no país. ¿Cómo se nos pode esixir máis recortes cando a elite dos gobernantes de Bruxelas gaña uns salarios desorbitados que nalgúns casos chegan a supera-los 270.000 euros anuais?
En resumo, a banca e as industrias inmobiliarias, así como as caixas de aforros dirixidas algunhas por inexpertos elixidos a dedo, leváronnos á ruína, ¿onde estaban os sindicatos que estaban metidos nos consellos de administración cobrando bos soldos como o restos de conselleiros? Agora “pagamos o pato” quen menos culpa temos… Comézase a ter serias dúbidas sobre a xustiza que se imparte neste país mentres non poña a todos e a cada un no seu sitio.

Te puede interesar