Opinión

Pois non

Moitas veces as cousas, a base de repetilas machaconamente ata a saciedade, convéncese no que non son; concretando, un rumor, unha mentira, unha verdade a medias poden ser o que os medios consideren a curto prazo por mor da insistencia repetitiva. Valgan como exemplo algúns casos: ‘Hugo Chávez é un ditador’. Pois non, agás que demos por boa que a democracia, o sufraxio universal é a base sobre a que se asente unha ditadura; pode gustarnos máis ou menos pero os venezolanos votan e poden ser tan manipulábeis como os somos en España, ¿acaso o noso sistema democrático é perfecto?, ¿teñen os cidadáns unha información global e equitativa?, ¿todas as formacións políticas parten da mesma igualdade de oportunidades para facer chegar a súa mensaxe?, ¿acaso se ten que perpetuar o bipartidismo dando por sentado que os cidadáns non poden elixir outras alterativas? ‘Hamas non está autorizada para gobernar Gaza’. Pois non, foi elixida democráticamente polo pobo palestino. ‘O abaratamento do despido axudará a saír da crise’. Pois non, para saír da crise o que habería que facer é abaratar os beneficios e diminuír o número de golfos e maleantes e, dende logo, investir en edu cación, formación e cultura, aínda que ao capital isto lle parecerá cando menos arriscado, xa que un pobo formado vólvese crítico e pouco manipulábel. ‘En Iraq hai armas de destrución masiva’. Esta foi o colmo dos colmos, non só non as había senón que se fundamentou unha guerra sobre elo e un suculento negocio da industria armamentística e construtora, hai que reconstruír todo un país, que se di pronto.


Para entender todo isto habería que analizar quen está detrás dos medios e que fins perseguen, sexan da tendencia que sexan, nin na dereita todos son malos nin na esquerda todos rezuman santidade. Os medios saben do poder que teñen e utilizan todo o que estea na súa man para desenvolvelo. É lamentábel ver cómo cando en Latinoamérica, por citar un exemplo, xorden gobernantes que en nada serán afíns ao que pretenden os grandes capitalistas, basta con comezar campañas mediáticas de mentiras, difamacións, falsos argumentos para satanizar aquilo que non convén aos intereses propios. Resulta máis cómodo demonizar que en Colombia prodúcese cocaína que asumir que no mal chamado primeiro mundo consúmese e necesita redes de produción, transformación e distribución. Que demócratas, liberais e adalides da verdade son algunhas veces e, para algúns casos, aqueles que non levantan a voz sobre o papel da muller nos países árabes ou, mellor dito, naqueles países árabes que teñen petróleo, ou do papel de pobos enteiros da África subsahariana; pero, claro, neses países hai gobernantes que permiten o expolio de materias primas sen esixir nada a cambio.


Qué demócratas somos para algunhas cousas, canta solidariedade rezumamos nalgúns casos e qué falsos, déspotas e hipócritas somos noutras. Iso si, de cando en vez, cando nos bombardean coa imaxe dun neno que morre de fame nalgúns territorios, culpando delo ao mal que o fan os seus gobernantes, para tocar a nosa fibra sensíbel e que, de paso, pensemos que eles, os medios, tamén son altruistas e fan de cando en vez telemaratóns da solidariedade. Ata que non nos demos conta que nin todo é branco, nin todo é negro, seguirán ulitilizándonos como cobaias humanas que consumen e non pensan.


Eu, mentres tanto, seguirei lendo varios xornais de diferente ideoloxía, verei informativos de diferentes canles e lerei conforme ao que crea conveniente, adoutrinaranme, pero menos.



Te puede interesar