Opinión

O sono de Barack

A imaxe do sono americano estaba en hora baixas ata a súa chegada. Con Obama emerxeu unha nova estrela que dá sentido a unha potente metáfora que, aínda que aos europeos nos costa asimilar, forma parte da raíz e fortaleza estadounidense.


A probabilidade de que un mulato, de pai keniata e cun apelido islámico, chegara a ser presidente dos Estados Unidos era dunha entre un millón, incluso na terra das oportunidades. Unha terra que parecía, no político, parcelada e tanto nos demócratas coma nos republicanos non había marxe de sorpresa. Pero a ilusión que xenera o discurso tranquilo de Barack Hussein Obama rompeu guións, estratexias e encandilou a propios e estraños. Así explícase que o 20 de xaneiro o mundo se tomara un ‘kit-kat’ para presenciar a chegada dun mulato á Casa Branca. Este ‘exotismo histórico’, segundo Aznar -aquel home que foi presidente-, ten o difícil reto de non defraudar as enormes expectativas nel depositadas. A min tremeríanme as pernas. Ten un escenario de crise económica que condiciona, pero tamén un respaldo histórico cidadán co que afrontar os cambios de rexistro que lle piden dentro e fóra do seu país. En política internacional, a decisión de pechar Guantánamo é importante en si mesma e por o que supón de ruptura cos modos do seu predecesor. ‘Estamos dispostos, outra vez, a liderar o camiño da paz’, dixo o novo presidente no seu discurso de investidura. Para ese traxecto ter unha prisión, no trasteiro do imperio, con nulas garantías procesais e na que se practica tortura non resulta doado. Do mesmo xeito, haberá que ponderar se o novo ‘merchandising’ ideolóxico cala no resto do mundo e, por exemplo, aliados como Israel son capaces de cantaruxaren a melodía. Polo de agora, este zocato consigue incluír no debate aspectos que estaban sepultados na axenda do seu país e se permite facer chiscadelas ao mundo musulmán. Pasados os días dos discursos esperanzadores, queda concretar, con permiso dos ‘lobbys’, ata onde chega o sono de Obama.

Te puede interesar