Opinión

Vicente Ferrer

Vicente Ferrer, na súa xuventude, foi militante do POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista) e loitou a prol da República na batalla do Ebro. Despois internárono nun campo de concentración francés e, posteriormente, entregárono ás autoridades franquistas. Máis tarde ingresou nos xesuítas, que o destinaron como misioneiro a Mumbai.


Alí coñeceu a realidade da pobreza dos desherdados da terra e foi o creador do que hoxe coñecemos como microcréditos, esas axudas para poder facer un pozo, comprar semente e labrarse un futuro. Préstamos que se devolvían sen intereses, ao tempo que o Banco Ambrosiano, propiedade do Vaticano, executaba embargos de hipotecas botando á rúa aos que non podían pagar, ao tempo que desviaban fondos a paraísos fiscais para non sei qué ocultos fins e invertía (e inverte) en farmacéuticas que se enrique cen con preservativos e píldoras anticonceptivas. A súa rebeldía e apoio aos desfavorecidos provocou que, en 1968, se lle expulsara da India, sen recibir o máis mínimo apoio da xerarquía católica; foron os campesiños hindús os que, co respaldo dalgúns intelectuais dese país, acadaron que Indira Gandhi lle ‘concedese unhas vacacións’ para que puidera volver. O magnífico apoio prestado pola curia romana ao seu labor a prol dos pobres provocou que, en 1970, abandonase a disciplina vaticana e que, incluso, tomase esposa (Anne Perry) coa que tivo tres fillos, pero non que renunciara á súa vocación de servizo aos pobres da terra, en Anantapur, dende o seu regreso á India.


Creou a Fundación que leva o seu nome e que se financia en case un 90% de aportacións privadas. En 1998, lle foi concedido o Premio Príncipe de Asturias da Concordia, e o primeiro que fixo foi renunciar á asig nación económica persoal do mesmo a prol da Fundación, da que non recibía a máis mínima remuneración. Non tiña reloxo, nin aneis episcopais, nin coche oficial con chófer. Vestía case sempre unha camisa caqui, uns pantalóns de liño e unhas simples sandalias. A súa casa estaba feita de adobe e palla. Os xerarcas católicos lucen Rolex de ouro, teñen limusinas, vístense de ouros e viven en pazos. Cando deixen de seren un partido político, unha organización manipuladora con ese afán recadatorio para poder manteren os seus privilexios mundanos, dos que renegan en público e disfrutan en privado; cando se preocupen dos que sofren e deixen de dicir parvadas sobre o preservativo, o aborto e o matrimonio homosexual, cando eses prebostes lle cheguen a Vicente Ferrer á altura das súas sandalias, entón podería permitir que orientasen moralmente a miña vida.



Te puede interesar