Opinión

Vítimas da crise

Resulta gracioso ver como se están a facer habituais as conferencias que montan os responsábeis das entidades financeiras para explicar cal é a solución para saír da crise mundial na que estamos. Para eles, a única solución é a inxección de diñeiro para que poidan facer fronte a todos os problemas que están a sufriren actualmente.


Estes que agora se cren en posesión das solucións divinas aos problemas económicos que abranguen este mundo de tolos, son os mesmos que tempo atrás foron incapaces de anticipárense ao desenlace final que tivo a economía mundial. Son os mesmos que regalaban o diñeiro, facendo que non se lle dera o valor real. Son os mesmos que facían que as súas caixas de gananciais engordaran día tras día mentres as da xentiña estaban en números vermellos. Son os mesmos que sorrían cos seus ingresos estratosféricos cando era a época dourada das caixas e bancos no mundo. Pechaban os ollos á burbulla inmobiliaria que se estaba xestando dende hai moitos anos, ao veren que o seu diñeiro aumentaba grazas á dependencia que todos tiñan de acadaren unha hipoteca para poderen vivir nunha caixa de cerillas. E se pedías unha cifra, eles che dicían: Tome máis diñeiro, home!. Por todo isto, é normal que a xente lle estea a tomar tanto agarimo aos bancos, caixa e aos seus dirixentes, vampiros no pasado e vítimas na actualidade. ¿Pero alguén se cré que a xente de a pé vai volver a crer nos banqueiros despois da imaxe que están a daren? ¿Onde están todos eses beneficios dos que presumían noutros anos? Saben que, seguro que nós, grazas aos soldos tan galácticos que temos, nos dá igual a situación da economía mundial. Teñen a opción de comprárense unha casiña na praia para preparar a súa xubilación e o resto que empuxemos. Só espero que todos os que decidan esta opción, se compren a casa na mesma illa, para non ter que cruzarnos con eles na praia os hipotecados de por vida.



Te puede interesar