Opinión

30 metros de alento

Quero contemplar o mar desde o alto da torre da igrexa parroquial de San Salvador de Baños de Molgas. Pero tan só alcanzo a ver o río Arnoia á altura da Pitediña, o outeiro do Corno no monte Medo, a Chaira no monte de Pinouzos e o outeiro de Brandín. Quero contemplar as estrelas desde o campanario da mesma torre. E só asoma ante os meus ollos un universo infinito, un azul claro e un sol que se miro para el, cega. É de día. Non hai estrelas. Baixo a ollada e contemplo a rúa da Igrexa. Aí está; 30 metros de rúa que dan para case 60 anos de lembranzas, de ventura, de bonanza, de fantasía, de memoria. De moita memoria. Un cacho de rúa na que o silencio era o sosego, o acougo; na que o ruído era o aleluia, a euforia. Máis ou menos 30 metros de rúa nos que un pensamento ía e viña polo zume das parras, nos que un salouco ou un suspiro percorría as fachadas das casas. Sigo coa ollada baixa e debuxo sobre as pedras deses 30 metros de rúa unha vida que foi, unha vida na que soñei cun aradiño de pau e con dous libros sobre as mans (un era pouco para as tardes de andar no monte), unha vida na que gocei as caricias de mans encalecidas, bravas polo esforzo dunha subsistencia que, simplemente, bastou e chegou. Un cacho de rúa, 30 metros de alento, de vida.

Te puede interesar