Opinión

A auga da Burga

Souben ó momento que o río Arnoia estaba seco cando, ó chegar a Baños de Molgas, vin que non levaba auga ningunha. Nin unha gota. Nunca se vira tal. Ante isto, a verdade é que se me deu por pensar coma os vellos: que se vai acabar o mundo. Claro que eu, para asegurarme, achegueime ata a burga e vin que a auga quente seguía saíndo polo seu cano. Tamén souben ó momento que o mundo non se acabaría. Respirei e quedei máis tranquilo. 

Desde que o mundo é mundo, a burga de Baños de Molgas é a que realmente dita a vida, a realidade de toda a contorna. Mentres que por ese cano siga brotando a auga, xa poden ir os ríos Arnoia, Sor e de Tioira sen auga ningunha, que non haberá problema ningún; a existencia veciñal seguirá coma se nada. 

Si, ó mellor uns días non haberá auga. Pero bebemos da auga da burga, que non pasa nada. As malas linguas din que deixa os dentes negros. As malas linguas, digo. Tamén as malas linguas din que esa auga non vale para nada, que non ten as súas propiedades curativas. Cando me cortaba coa fouce en algún dedo (e cortábame unhas cantas veces), ía á burga, expuña a ferida a esa temperatura de case 50 graos (que de cando en vez había que retirar, porque abrasaba) e nun chiscar de ollos xa estaba curada. 

Pero se ata se baixaban as vacas para que lles curase axiña eses pezuños de cando, ó arar, a rella do arado os enrellaban. Así é que ninguén se me meta coa auga da burga de Baños de Molgas. Que nin o terremoto de Lisboa en 1755 conseguiu facerlle as pascuas. Quedade coa copla de que mentres haxa burga, hai mundo.

Te puede interesar