Opinión

A bóla de billar

Fartei e cansei de correr detrás dunha bóla de billar. Case se pode dicir que fun o bufón de todo o bar. A bóla levábame dunha banda á outra, adiante a atrás, por entre unhas bólas e outras. Eu non conseguía pillar a negra. E iso que só había unha. Nun momento dado, vina sen escapatoria, nunha esquina da mesa, polo que me dispuxen a lanzarme sobre ela, mesmo en prancha. Pero xusto, ó caer, toqueille de mala forma cun dedo e a puta bóla meteuse polo buraco da mesa. O bar explotou nunha gargallada tal que se me subiron as cores á cara. Busquei un gancho para intentar collela. Nada. Busquei outros artefactos ou aparellos que puidesen introducirse polo buraco e a ver se cunha pouca sorte a pillaba. Pero tampouco.

Desesperei tanto que optei por marchar ó curandeiro de Ousende, en Paderne de Allariz. Para que me minguara. Ser case como unha partícula de po para poder introducirme eu mesmo polo buraco da mesa de billar. Non estaba disposto a deixarme marear pola maldita bóla, e aínda que xa me fixera dar mil voltas. Cando petei na porta do curandeiro recoñezo que collín algo de medo. Non por ver ó homiño, senón polas consecuencias do meu regreso á normalidade, e se por un casual, conseguía minguarme. Claro que foi un pensamento efémero, xa que axiña me decatei de que, ó mellor, non estaba mal ser algo ou case todo invisible. Aínda así, non me botei atrás. O curandeiro minguoume e cando cheguei ó bar os clientes quedaron coa boca aberta ó ver a bóla sobre o billar. Pensaron que aparecera por arte de encantamento.

Te puede interesar