Opinión

A cousa

A cousa está aí. Nótase no ambiente. Non sei o que é, pero algo hai. Está no aire. Está nos soños e pensamentos e sentimentos e anhelos e suspiros e queixas e bágoas e sorrisos. É a cousa, seguro que é a cousa. Tampouco lle sei ver a color; ás veces semella vermella, outras azuis, outras verde de primavera, outras verde de esperanza, outras lila e incluso escura ou negra. A cousa noto eu que é grande, inmensa, quilométrica, ata case podo asegurar que infinita.

Teño ganas de vela, pero non consigo ver un burro a tres pasos. Hai unha néboa espesa. Non obstante, o ruído aí está. Algo fai moito ruído, como tamén axiña se queda en silencio. Por veces, dáseme por pensar en John Carpenter, pero axiña descarto a idea. Que pintaría John Carpenter nas Mestras. Nada. Aínda que Baños de Molgas teña os seus lugares para unhas boas películas de terror, John Carpenter prefire ir rodar á Antártida. Alá el. Pero eu noto, sinto, vexo, estou seguro de que aí hai algo: unha cousa que a dous pasos non consigo ver.

A cousa por veces bufa e por veces se queda muda. A verdade é que non sei se é algo que fale, ou se é un animal, ou se é un obxecto, por exemplo, voador. Pero algo hai, algo se move por entre os carballos das Mestras; unha cousa que está a poñerme nervioso. Teño que saber que é. Polo que avanzo e avanzo e non atopo nada de nada. Non obstante, aí segue. Eu sigo notando a cousa arredor dos carballos, sobre os carballos e entre os carballos. Seguro que está dentro dese vello carballo. Miro, e nada. Silencio nas Mestras. Maldita cousa!

Te puede interesar