Opinión

A Garbo ri!

O venres pasado deixaramos á Divina no momento en que pensaba que quedaba perdida, que quedaba soa no mundo cinematográfico ante a morte do seu amigo e descubridor Mauritz Stiller, pero Greta Garbo seguiu adiante, grazas tamén ó seu idilio con John Gilbert, o seu compañeiro de interpretación en “A muller lixeira” (1928). Ese idilio sería a primeira das escasas historias de amor que tivo a Garbo e que sempre, milagrosamente, se desfacían ó aproximarse a voda. Cóntanse entre os seus pretendentes ó director de cine Rouben Mamoulian, ó director de orquestra Leopold Stokowski e ó millonario Gayerord Hauser.

Tamén trala morte de Stiller, Greta Garbo atópase co paso do cine mudo ó sonoro, un auténtico atranco para moitos divos. Pero a Garbo, coa súa voz grave e profunda, encandea ó público. “Déame un whisky con Ginger Ale á parte, e non sexa agarrado, amiguiño”, foron as súas primeiras palabras na pantalla. Unha frase que se puxo de moda. Pronunciouna na película “Anna Christie” (1930), un drama dirixido por Clarence Brown.

O dato curioso da súa carreira cinematográfica estivo en que fixo de estranxeira en todos os papeis das súas películas faladas: era unha soprano italiana en “Romance” (1930), outra vez de Clarence Brown; era unha raíña sueca en “A raíña Cristina de Suecia” (1933), de Rouben Mamoulian (por certo, o seu derradeiro encontro co ex amante John Gilbert); era unha aristócrata rusa en “Anna Karenina” (1935), de Brown outra vez; era unha francesa en “Margarita Gautier” (1936), de George Cukor; era unha aristócrata polaca en “María Walewska” (1937), de Clarence Brown; e era unha axente soviética en “Ninotchka” (1939), de Ernst Lubitsch, que son as súas mellores películas.

En “Ninotchka” fai algo diferente: dos seus melodramas habituais pasa a interpretar unha fina comedia, onde amosa as súas cualidades como actriz cómica e onde se puxo de slogan a frase: “A Garbo ri!”.

Nomeárona ó Oscar tres veces e, ós 36 anos, en pleno esplendor, a divina Greta Garbo decide retirarse, engadíndolle unha incógnita máis á súa vida xa en por si enigmática, e nunca volveu cambiar de opinión. En 1999 nomeárona a quinta mellor estrela feminina da historia de Hollywood. Morreu en Nova York o 15 de abril de 1990, ós 84 anos.

Te puede interesar