Opinión

A máis grande

Diciamos a semana pasada que, grazas a Howard Hughes, a Hepburn actuara en “A fera da miña nena” (1938) e que, tamén grazas a el, axudouna a facerse cos dereitos dunha obra que sería a consagración da actriz tanto no cine como no teatro: “Historias de Filadelfia” (1940). Con esta, Broadway rendeuse finalmente á actriz e Hollywood admitiuna definitivamente no panteón das estrelas por esa marabilla de George Cukor e á beira de Cary Grant e James Stewart.

Porén, a espiña que máis lle doeu a Katharine Hepburn foi que non a colleran para o personaxe de Scarlett O´Hara en “Foise co vento” (1939). Estaba plenamente convencida de que o personaxe fora escrito para ela, pero o produtor, Selznick, díxolle porque non a elixira: porque non imaxinaba a Clark Gable detrás dela durante dez anos.

Ós 33 anos atopouse co home que máis influencia tivo na súa vida. Esta vez tamén se trataba dun irlandés católico e borracho: Spencer Tracy. Este encontrouse coa actriz na rodaxe de “A muller do ano” (1942), de George Stevens. Axiña saltaron chispas. Normal, tratándose de quen se trataba. Conta a lenda que ela lle dixo que era un pouco alta para el. “Non se preocupe, miss Hepburn, poreina á miña altura”. E nese momento naceu unha das relacións sentimentais e profesionais que máis pegada deixaron na pantalla. Xuntos interviron en nove películas, entre elas, “A costela de Adán” (1949) e “Adiviña quen vén esta noite” (1967). Xuntos tamén viviron un amor clandestino durante anos. Tracy sempre se negou a divorciarse. A mellor película deses anos que a actriz fixo sen Tracy foi “A Raíña de África” (1952). Ó lado de Huston e Bogart viviu en África unha aventura que nada ten que envexar ó cine. Con este filme empezou o que xa está recoñecido como “un dos procesos de envellecemento máis fascinantes do cine”. O pano arredor da súa gorxa para tapar as engurras dun pescozo que delataban a súa vellez, foi o símbolo dese proceso.

Pero non se rende. Roda “De repente, o último verán” (1959), “Longa xornada cara á noite” (1962), “O rifle e a Biblia” (1975), “No estanque dourado” (1981)... Aínda hoxe, Katharine Hepburn mantén o récord de Oscars acadados: catro. A máis grande actriz de todos os tempos.

Te puede interesar