Opinión

A mellor sabrina

Audrey Hepburn debutou no cine americano elixida por William Wyler como protagonista, xunto a Gregory Peck, de “Vacacións en Roma” (1953), unha comedia rosa pola que se converteu da noite para a mañá no novo tipo de estrela, debido á súa acollida mundial e ó Oscar que ganou coa súa interpretación de princesa que paseaba de incógnito finxindo ser unha rapaza normal e corrente.

Con “Sabrina” (1954) consagrouse e pasou a colocarse entre as actrices que máis recadaban, coincidindo coa súa volta ó teatro con “Ondine”, a cal lle valería o cobizado premio Antoinette Perry. Ese mesmo ano casou co seu compañeiro na obra, Mel Ferrer, e xuntos formaron a clásica parella ideal con quen toda unha xeración se emocionou e chorou en “Guerra e paz” (1956), de King Vidor.

Entre a súa vida privada e a artística, Audrey Hepburn sempre optou pola primeira. Xa é famoso o desplante que lle inflixiu a Hitchcock en 1959, negándose a aparecer violada nun filme que xamais se realizou, escudándose tras o seu embarazo.

Audrey, por aquel tempo, acababa de saír do convento de “Historia dunha monxa” (1958), de Fred Zinnemann, a súa creación dramática por excelencia. Máis adiante decidiría encarnar en “A calumnia” (1961), de William Wyler, a unha profesora acusada de lesbianismo.

Logo de “Dous na estrada” (1967), que resultou ser unha revelación, a actriz pediu o divorcio de Mel Ferrer, casou de novo cun psiquiatra romano e deixou o cine durante nove longos anos. Cando xa o seu retiro semellaba definitivo e tras un segundo divorcio, volveu á súa vida profesional e reapareceu con “Robin y Marian” (1976), de Richard Lester. Aí a estrela exhibiu a súa madurez máis serena e esvelta que nunca.

En “Todos riron” (1981), o seu director, Peter Bogdanovich chegou a xogar coa impaciencia dos fans de Audrey Hepburn, non mostrándoa ata mediada a película. Despediuse do cine baixo a dirección dun futuro clásico: Steven Spielberg, que a dirixiu, nun pequeniño papel, en “Always (Para sempre)” (1989).

Te puede interesar