Opinión

A peito aberto

Estou enrabechado. Porque as cousas non saen como un quere. Cando quixen asubiar, saíume un berro. Cando quixen berrar, unha gran emoción embargoume os ollos. Cando quixen escoitar a Ella Fitzgerald saíu polas ondas Camilo Sesto. Estou encabuxado. Porque non todo é o que parece. Ó mellor é porque estou mal acostumado. Non o sei. Quixen correr pola beira do mar e resulta que me vin goldrando un regato no paseo que estaba a realizar. Hai instantes na vida nos que soño con que todo vai vento en popa, pero en dúas chantadas, ou sexa, nun alustre, a felicidade encalla nun banco de area e xa me quedo sen meta. Estou enrabechado polos atrancos que alguén me pon no camiño.

Non obstante, e a peito aberto, é dicir, sen reservas, eu tiro para adiante. Sempre tirarei para adiante. A min non me achanta ninguén! Nin catro palabras escritas nin dúas olladas benditas. Se nada sae a dereitas, collo polas esquerdas e seguro que, agora, si chego á meta. Hai metas polas que merece a pena loitar. E eu, como nunca perdo a esperanza, seguirei erre que erre, volta e dálle mentres teña un cachiño de alento. Empezo a anoxarme por non estar tan encabuxado como pensaba. Axiña se me pasa o malestar. E se me lanzan catro palabras ben escritas e dúas olladas ben vivas, reviro os malos pensamentos e ata podo bailar xa sobre a punta dun dedo.

Te puede interesar