Opinión

A trompeta de Chris Botti

Atrompeta de Chris Botti métese na melancolía da tarde mentres un pequeno saltón quere cruzar a rúa e sen que os coches o esmaguen. Pon en posición as antenas e estuda as posibilidades de cruzar con dous ou tres saltos ou simplemente botarse a voar, e acabou o conto. Antes, pega un pequeno saltiño e albisca para a ventá pola que sae o son da trompeta de Chris Botti. Penso que ata ó saltón lle gusta ese ritmo de jazz.

Logo de que rematara un tema, volve a poñerse un posición para iniciar a aventura. Aínda que segue coa dúbida dos dous ou tres saltos ou o de voo sen motor. Non obstante, séntese incómodo e patexa dun lado para o outro nun recanto dunha miseria de milímetros cadrados. De súpeto, flexiona as pernas e ata o máis párvulo dos mortais entende que vai pegar o salto.

E vai a facelo xusto cando a trompeta de Chris Botti deixa escapar unha nota desas que penetran na alma. Non consegue impulsarse, porque, nun alustro, un pardal que pasaba por alí, daquela maneira, tragouno dunha sentada. Nese mesmo instante, a trompeta de Chris Botti chora un auténtico son de melancolía.

Te puede interesar