Opinión

A vida a base de masacres

Na semana pasada, por medio da película india “Sardar Udham” (2021), descubrín a masacre de Amritsar ou de Jallianwala Bagh, acaecida en 1919 e da que non sabía nada. Foi ó momento de vela cando me dixen que en todos os sitios cocen fabas, que ninguén se libra de facer uso do poder cando se ten, e todos, absolutamente todos se aproveitan del, a base de maltratos, interrogatorios, torturas e medo, moito medo.

A masacre de Amritsar levouna a cabo o Glorioso Imperio Británico o 13 de abril de 1919 nesa cidade da India. O exército indio-británico, baixo as ordes do xeneral Reginald Dyer, disparoulle a unha multitude de miles de homes, mulleres e nenos desarmados que estaban reunidos no xardín de Jallianwala. A tal xardín, de forma rectangular, só se podía acceder (e saír, claro) por un gran pórtico, pois polo demais estaba arrodeado por edificios e casas, así como por un gran pozo. O Glorioso Imperio Británico pechou esa única saída e durante dez minutos disparou 1650 cartuchos, mentres a xente espantada (quen non) loitaba por fuxir de alí. Ducias pereceron na desbandada, 120 morreron ó caer ó pozo e centos morreron cribados polas balas ata que ó exército se lle estaba acabando a munición. O Glorioso Imperio Británico emitiu un comunicado no que afirmaba que ós soldados os atacaron os alí reunidos. O propio Reginald Dyer confesou antes da masacre que “había que dar un escarmento, que o miolo, que o quid da cuestión estaba no medo”. A canto máis medo, máis dominio, máis terror.

Os españois levaron o terror a América. Os ianquis masacraron ós indios e maltrataron ós negros (aínda os maltratan); tamén quixeron arrasar Vietnam a base napalm, pero aí saíulles o tiro pola culata. Os europeos explotaron e devastaron África (e agora armamos o demo pola chegada de pateras e caiucos). Os alemáns crearon campos de concentración e de exterminio en pleno século XX. Israel está a aniquilar a todo o pobo palestino en pleno século XXI, mentres a comunidade internacional mira para outro lado, non vaia ser que se enfurruñe, que se enfade Estados Unidos.

Falando de séculos. Sempre dicimos iso... en pleno século tal, en pleno século cal... e a realidade amósanos que, século a século, as guerras van a peor (máis sofisticadas, máis mortais), polo que, en pleno século XXII haberá guerras, e no XXIII, e no XXIV, e ata que se extermine o ser humano. Mentres haxa dous seres humanos na terra... malo!

Te puede interesar