Opinión

A xefa

Case nunca leo o Marca porque sempre fala de quen fala, e para saber de deportes chégame con ler esa sección dos xornais do día. Pero, ás veces, e debido a que xa lin os que tiña que ler, non me queda outra que botarlle unha ollada se non quero estar de paspán ante a barra dunha cafetaría. O outro día ata me mereceu a pena o botarlle a ollada, pois aparecía unha entrevista dese marabilloso xogador chamado Iñaki Williams, do Athlétic Club de Bilbao, que deixou unha frase que me fixo rir e que me encantou. Tanto que estou cun Pingas por culpa dela. “A miña nai é a xefa. Dáme dúas hostias e alixéirame”. Iso é unha nai, carallo! Fíxome graza porque, claro, ó momento xa pensei na miña. Porque a miña nai dábame máis de dúas; dábame coas achas da leña, co rabo da escoba, coas cabezas dos nabos, coa vara do monte e se facía falta dábame incluso coa foucegata. E non pasou nada. Se nin tan sequera cheguei a sangrar, que xa é dicir. Sigo aquí, vivo e defendéndoa. Porque, ás veces, a unha nai non lle queda outra que poñerse seria. Necesita poñerse seria! E debemos entender que ten dereito a poñerse seria. Non podemos chegar a esa ridiculez de que cando vemos a unha darlle un azoute no cu, zas, denuncia ó canto. Por Deus bendito, que os cueiros de hoxe amortecen, debilitan de tal maneira o azoute que o cativo nin se decata. Antes non tiñamos cueiros! E caían lóstregos por todos os lados e en tal cantidade que non dabas feito a cubrirte. Aquí estou, feliz e queréndolle un montón á miña nai.

Te puede interesar