Opinión

Actor de casualidade

Debido a que o peche da edición do xornal se realizou mentres contemplaba a película inaugural do Festival de Cine de Ourense, non podo polo tanto hoxe falar aínda de algún filme. Así é que non queda outra que, como dicía onte, falar do actor que vai recibir o premio máis importante deste evento cinematográfico: a Calpurnia de Honra, ou sexa, do actor francés-galego José García.

Segundo as súas propias palabras, José García chegou ó cine de casualidade. “Fun a París a un programa de Canal + porque quería ganar uns franquiños e nos intermedios aplaudía con tanta forza que me contrataron. Primeiro facía de todo, logo xa me deron o meu primeiro papel”. Nese programa botou sete anos e xunto a Antoine de Caunes recrearon numerosos personaxes. Antes, por suposto, e coma calquera fillo de emigrantes, empregouse en todo tipo de traballos. Fillo de emigrantes porque, como dicía onte, os seus pais eran do Carballiño, máis en concreto, do barrio de Toscaña, a onde regresa bastante a miúdo. Ante isto, o actor recibiu no 2005 a máxima distinción que concede o seu concello, a Medalla de Ouro. Aínda que José García naceu en París o 17 de marzo de 1966. E foi con 29 anos cando obtivo o seu primeiro papel na película “Elisa” (1995), de Jean Becker.

Debido a que a súa capacidade cómica ten semellanza coa do noso Antonio Resines, hai entón quen o coñece polo Resines francés. No ano 1997 xa o nomearon ós Premios César como mellor actor revelación polo filme “A verdade se eu minto!”, e oito anos máis tarde, no 2005, volveron a nomealo (pero por esta vez como mellor actor) pola súa participación en “Arcadia” (2005), do gran Costa-Gavras.

José García chegou a traballar con algúns dos grandes do cine francés, entre eles, o citado Costa-Gavras, Jean-Jacques Annaud, Regis Wagnier e acompañado por auténticas estrelas galas, como Michel Serrault, Charles Aznavour, Jean-Paul Belmondo, Daniel Auteil,  Alain Delon, Isabelle Huppert e Marion Cotillard; coas españolas Rossy de Palma e Carmen Maura e baixo as ordes de Carlos Saura en “O 7º día” (2004) ou Miguel Curtois en “GAL” (2006)

Te puede interesar