Opinión

Alta comedia

Durante a década de 1920, George Cukor traballou en Broadway como actor e director de teatro. A chegada do cine sonoro permitiulle incorporarse a ese Hollywood falante. Así é que Cukor empezou sendo director de diálogos en películas como “Sen novidade na fronte” (1930), de Lewis Milestone e foi un dos poucos homes de teatro que acabou converténdose nun auténtico home de cine. Quizais porque non só se limitou a ensinar a falar correctamente ós actores que se puñan diante das cámaras, senón que asimilou pouco a pouco a técnica cinematográfica que se desenvolvía tras elas.

“Historias de Filadelfia” (1940) é a súa vixésima película como director. No filme, ó igual que noutras películas do seu autor, o mundo particular e pechado dun personaxe economicamente privilexiado vese perturbado, de maneira cómica, pola súbita aparición de “axentes provocadores” procedentes de clases sociais máis humildes.

A película supuxo o relanzamento ó mundo do cine da marabillosa Katharine Hepburn, considerada durante algúns anos como “veleno para a recadación”, despois de que alcanzara o éxito en 1932 e ganara un Oscar ó ano seguinte. O dramaturgo Philip Barry escribira a obra pensando só nela, e con ela acadou un triunfo impresionante. Hoxe en día non se pode imaxinar unha Tracy Lord interpretada por outra que non fose a Hepburn.

O detalle está en que os dereitos de adaptación da obra adquiriunos a propia actriz, que se asegurou desa maneira a súa participación na cinta cinematográfica. Así foi como se desprendeu da súa mala fama e a piques estivo de ganar o segundo Oscar da súa carreira. Ese ano quitoulle Ginger Rogers con “Espellismo de amor” (1940)

Cukor tamén estivo nomeado ó Oscar como director, pero tampouco o acadou. Os que si o lograron foron os dous Stewart da película: o actor (James Stewart) e o guionista (Donald O´Stewart).

Existe unha versión máis moderna, “Alta sociedade” (1956), con Bing Crosby, Grace Kelly e Frank Sinatra, pero carece da elegancia e a frescura da orixinal. “Historias de Filadelfia” é, a fin de contas, unha comedia eternamente xove, cuns diálogos que xa non se escriben e uns actores irrepetibles, do que queda por nomear Cary Grant.

Te puede interesar