Opinión

Alumno de Pasolini

De cando en vez gústame escribir, cinematograficamente falando, sobre esa xente que para nós é anónima pero que para o seu mundo é un piar máis da súa industria. O italiano Vincenzo Cerami era escritor, guionista e crítico cinematográfico. A súa fama empezou en 1976 cando escribiu a novela “Un burgués pequeno, pequeno”, que axiña a levou á gran pantalla o director Mario Monicelli con Alberto Sordi de protagonista. A carreira no cine de Vincenzo Cerami foi longa e fecunda, sobre todo cando se atopou con Roberto Benigni e ata o éxito mundial de “A vida é bela” (1997). O traballo entre bastidores era o terreo propicio para poñer a proba un carácter tímido e irónico, que alternaba a emoción coa lixeireza dunha risa, que detectaba profundidade na sabedoría popular, que lle permitía contar a súa xente e o seu país cunha ollada severa e tenra, sempre atenta pero xamais arrogante. Trazos que herdou dun tal, ou sexa, do grandioso Pier Paolo Pasolini.

Vincenzo nacera en Roma o 2 de novembro de 1940, unha data da que el mesmo se mofaba, aludindo ó estraño destino de chegar ó mundo no día no que se recorda ós mortos, e baixo unha ditadura que estaba a piques de embarcarse no seu último e mortífero proxecto: a guerra ó lado da Alemaña nazi.

O segundo conflito mundial deixou un país pobre, bombardeado e atrasado que, non obstante, tiña ganas de ganarse un futuro. Vincenzo frecuenta entre penurias un pequeno instituto ás portas de Roma, onde el e os seus compañeiros atopan a esperanza baixo a batuta dun mozo profesor de 29 anos chamado Pasolini. Este encargáballe temas libres ó seus alumnos e aí Vincenzo Cerami, introvertido e que case non falaba pola timidez, pegoulle unha reviravolta á súa vida.

Anos máis tarde segue ó seu antigo mestre nas rodaxes de “Paxariños e paxarracos” (1966) ou en “Comicios de amor” (1963). De todas formas, a súa traxectoria non acababa de arrincar, polo que escribe unha novela (a citada no primeiro parágrafo) que si lle abriu as portas de Cinecittá. En 1988 asina a súa primeira obra con Roberto Benigni, “O pequeno diaño”. Ironía e tenrura crean unha alianza perfecta que unha década despois culminaría no maior éxito de ambos artistas, a citada “A vida é bela”, que acadou tres Oscars en 1999.

Te puede interesar