Opinión

Andei rapidiño

Opinión

Andei rapidiño

Andei rapidiño polo camiño. De noite. Era noite pecha. Andei rapidiño coa intención de atoparme coa Santa Compaña. Pero tan só vin a un escornabois contemplando os biosbardos. Iso penso. Ó mellor estaba contemplando a lúa na fase de cuarto crecente. Así estaba o noso satélite sobre un ceo clariño e cheo de estrelas. Hai estrelas ben bonitas, oh. Todas son bonitas, aínda que é verdade que unhas destacan máis que outras. Normal, tamén unhas persoas brillan máis que outras. Tamén. Tamén ó revés. Que si, que as hai moi tortas. Hai persoas desas que xa non se amansarán nunca. Antes amansaranse mellor outras vacas. Andei rapidiño porque era noite pecha. Alguén ata pensará que igual me mexaba. Co medo. Que va! Se aínda fora de rapaz; pero a estas alturas! Andei rapidiño porque quería chegar canto antes á casa e porque quería atoparme coa Santa Compaña. Ou xa pasara ou aínda terá que pasar. Puiden preguntarlle ó escornabois, pero non se me ocorreu. Aínda que non creo que o molestase; o pobre estaba a velas vir. Ben vía eu que estaba nas verzas. Mira que, pensar que me mexaba. Mexar mexei cando cheguei á casa. Porque tiña ganas. Non por medo. A estas alturas non lle teño medo nin á noite pecha nin á Santa Compaña.