Opinión

Aplicación cinematográfica

Hoxe pola noite empeza na nosa cidade a 28 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense. Por circunstancias, este ano non o podo seguir como quixera, pero isto non é óbice para que recomende a máxima asistencia. Lembrade que a maioría das películas que se proxectarán será raro que as poidades ver nos chamados cines comerciais. Aproveitade.

Fóra xa do ámbito do festival, comentarei que fará uns dous anos ou algo máis que instalei no móbil unha aplicación cinematográfica na que vou anotando as películas que vexo (por calquera medio audiovisual) e na que botei todo ese tempo instalando todos os filmes que tiña nunha base de datos. Aclarando que, tanto no listado que tiña como, agora, na propia aplicación, de cando en vez sempre queda algunha sen anotar, xeralmente, por despiste. O listado creo que o iniciei en 1983, polo que todo o cine que vin no colexio dos Milagres, que foi moito, non asoma aquí. Como tampouco asoma o que vin en Madrid durante 1982 (e quero lembrar que me saía unha media dunhas 20 películas ó mes). Ou sexa que, nesta aplicación, aínda faltan moitas pero moitas películas por apuntar.

Non obstante, vou co que teño. Que vin 9.165 películas. A ver, a realidade, segundo a aplicación, é de 6.705. O que pasa é que, claro, moitas as vin varias veces, de aí que aparezan 2.460 máis. Semella que empreguei 691 días, 12 horas e 53 minutos.

Máis estatísticas. A Samuel L. Jackson o vin 75 veces; a Bruce Willis, 73; a Liam Neeson, 65 e a Morgan Freeman, 57; por dicir só os cinco primeiros. En cuestión de directores: as de Clint Eastwood vinas 33 veces; Steven Spielberg, 30; Alfred Hitchcock, 30; Ridley Scott, 25 e Martin Scorsese, 20.

Toca agora as películas que máis veces vin: “O mito de Bourne”, 11 veces; “O ultimato de Bourne”, 10; “The Bourne Identity”, 8; e con 7 un feixe delas, desde “Terminator” ata “Blade Runner”, pasando pola segunda de “Mad Max e pola segunda de “Terminator”, entre outras. Como se ve, imperan as de acción, pero as de boa acción. As de Bourne penso que é o mellor que se ten feito e visto para facerllo pasar ben ó espectador. E, para min, Mad Max sempre dixen que era o meu heroe predilecto; nin Superman, nin Spiderman, nin Batman, nin nada que se lle asemelle.

Te puede interesar