Opinión

As chancas

Cada vez que tardo en conciliar o soño polas noites (moitas veces), recoñezo que neses momentos a miña cabeza ferve. Nun deses instantes veume á cabeza o nome dun daqueles grupos musicais dos anos oitenta, creo: No mePises que Llevo Chanclas. Confirmado: creouse en 1986.

Como a miña cabeza fervía, non tardei en darlle volta á tortilla: Písame que levo chancas. As chancas. Que calzado! Si, hoxe moi bonito visto en fotos ou en escaparates de zapatarías e mesmo véndollas a alguén levándoas. Pero as chancas, na miña infancia, que se usaban para o monte e para os traballos labregos, eran un auténtico calvario. Si, moi quentes pero, cando se mollaban e cando o coiro da empeña se puña duro, cando se “encartiloxaban” era unha crucifixión meter os pés nelas. Axiña mancaban de tal maneira que os dedos ou calcañares non tardaban en encetarse. Un dos remedios que había para que o coiro non se puxera coma un penedo, era untalas con graxa ou unto, para que a humidade, o orballo esvarase por elas.

O de usalas, mellor aínda, o de telas é un dicir. Os que podían. Non todo o mundo podía ter chancas. Compralas nas feiras era caro. Facelas os zapateiros era caro. Lembro a meu pai facendo unhas que... non sendo zapateiro... Xa sabemos o que pasa con eses “manitas” sen experiencia. As chancas eran moi chulas, moi bonitas e moi útiles os primeiros días. Ata que se mollaban. A partir de aí saían feridas nos pés por todos os lados. Porque, para máis aquel, os calcetíns estaban máis que rotos.

Te puede interesar