Opinión

As peras do olmo

Xeralmente son un tipiño nervioso, pero, para a galería, son tan calmo que mesmo semella que son un paradiño. Non obstante, despois, teño os meus momentos nos que podo rebentar, nos que a carraxe sobe polas veas como baixa a auga polo Arnoia. Neses instantes son malo de domear. Eu ben sei que cando non me endereitou a miña nai...

Resulta que o outro día pedinlle tres peras ó olmo e só me deu dúas. Planteille unha denuncia que se cagou polo tronco abaixo. É que ademais denuncieino por partida dobre: por non me dar as tres peras e polo asunto de que pintaba el, o olmo, dando precisamente peras. Se aínda fora un carballo. Ou un castiñeiro. Mesmo unha nogueira. Pero un olmo, maldita sexa! Que pinta un olmo na nosa terra. Na Galicia profunda temos boas árbores e mellores toxais. Para que queremos máis.

A denuncia claro que prosperou. O que pasa é que o xuíz tan só admitiu a trámite o asunto das peras. Que si, que me tiña que haber dado tres, que foran as que realmente eu lle pedira. Non quixo meterse coa clase da árbore porque dixo que incluso na Galicia profunda hai liberdade para compartir e convivir. Que aquí tan só miramos de esguello os marcos, rematou. E de esguello si que mirei eu ó xuíz, porque... a que viña agora o dos marcos. Que se ativese tan só ó olmo, a ese puto olmo que só me dera dúas peras cando eu lle pedira tres. O xuíz alterouse co mazo: que que forma de falarlle era esa, que moito coidadiño que axiña me domeaba el. Calei, claro. Que ía facer...

Te puede interesar