Opinión

Atrancos para o labrego

Unha semana máis (e van...) a política está nese punto morto que, polo menos a min, xa me cansa, xa me aburre; confesando, iso si, que nunca fun nin quero ser un politicólogo. Ademais, se hoxe non temos goberno non é porque eles (uns e outros) non saiban pactar, senón porque nós non soubemos votar. Así é que, veña, ánimo e a ver se para as próximas eleccións atinamos mellor na diana. Porque isto semella que vai dereitiño coma un rego a novos comicios.

Aínda que diga que a política está nese punto morto, entendeuse perfectamente que é en relación ó asunto de formar goberno. Porque, sinceramente, a política non para nunca, está sempre actuando. O que pasa é que moitas veces faino pesimamente e sempre vai en contra dos máis necesitados. Por exemplo, dos labregos. A pesar de que estes son a base esencial da vida. Porque a terra é a que dá a vida. E a terra trabállana os labregos. Agora Facenda quere multar ós gandeiros que non declaren a cesión dos dereitos de pago único da PAC. E como van facer? Se o que están facendo é unha cesión, non unha venda. Ademais, que lle andan rebuscando a un dereito que, ó mellor, non chega nin ós 100 euros. Ademais, moitas das cesións son entre familiares, polo que non hai ningunha transferencia de cartos.

Xa co sector vitivinícola queren facer o mesmo. Empezan a obrigar a asegurar a todos os xornaleiros que participan nas vendimas. Vendimas que, moitas veces, son de tan só dous ou tres días. Pero ti tes que perder antes un día para presentar uns papeis nos que tes que asegurar, por exemplo, a un familiar. Porque nas vendimas pasa como nas cesións dos dereitos de pago único: que quen realmente participa neses traballos é a familia ou amigos íntimos (que é coma se foran familia). Non me estraña que o sector primario, no noso país, estea sempre de capa caída. Normal, con todo o que foi, é e será atacado. Porque non temos dous dedos de fronte. Que todo sae da terra! Á agricultura, ó gandeiro, ó labrego sempre lle puxeron atrancos que tivo que superar a base de bágoas suor e... Por Deus bendito, se nin tan sequera poden ter galiñeiros! Xa chega! Basta xa!

Te puede interesar