Opinión

Aureola de director difícil

Na década dos anos 30 do século pasado, Gregory La Cava filma un total de cinco longametraxes, e a esa época pertencen “Astucia de muller” (1931), “A melodía da vida” (1932) e, sobre todo, “American Bluff” (1932), unha sátira feroz e bastante dura sobre as relacións entre o star-system e o mundo publicitario, chea de punzantes anotacións críticas sobre a moral do éxito. As súas frecuentes disputas cos directivos da casa empezan a granxearlle, xa por aqueles días, unha certa auréola de director difícil e pouco acomodaticio.

Despois, cando Selznick se marcha á Metro en marzo de 1933 e se leva con el a George Cukor, La Cava segue idéntico camiño para realizar alí, baixo a batuta do produtor Walter Wanger, “O espertar dunha nación” (1933), unha estraña, inclasificable e ás veces rutilante fantasía política, filla inequívoca do New Deal rooseveltiano, onde un delincuente se converte en presidente dos Estados Unidos e, unha vez no posto, dedícase a combater afanosamente o crime e a propiciar a paz. Pouco máis tarde, e tras un ocasional regreso á RKO (“Leito de rosas”, 1933), La Cava rexeita o contrato que lle ofrece Selznick para seguir na nómina da Metro e inicia, a partir de entón, unha longa traxectoria como realizador independente ata a fin dos seus días, só interrompida pola paréntese que supuxo o retorno ós brazos da RKO, chamado por Pandro S. Berman, entre 1937 e 1940.

O primeiro froito de dita colaboración sería a exitosa “Damas do teatro” (1937), e do prestixio que lle proporcionou esta deriváronse as dúas seguintes, que puido controlar en maior medida ó confiarlle o estudio a produción executiva de ambas: “A rapaza da Quinta Avenida” (1939) e “Camiño de rosas” (1940). Entre o máis destacado das súas realizacións anteriores aparecen “Toda unha muller” (1934), “O burlador de Florencia” (1934), a excelente e sobria “Mundos privados” (1935) e, sobre todo, “Sucedeu unha vez” (1935), unha tola comedia satírica que era a favorita do director e na que a Columbia volvía xogar a baza de Claudette Colbert, tras “Sucedeu unha noite” (1934), de Frank Capra. 

Te puede interesar