Opinión

Aventureiro do cine

Alá por 1985 e nunha breve aparición nunha película do seu amigo Wim Wenders, Werner Herzog expuña así o seu credo como cineasta: “Quedan moi poucas imaxes que correspondan ó noso nivel de civilización e ó noso ser interior. Hai que escavar coma un arqueólogo... Eu iría a calquera parte, subiría a unha montaña de oito mil metros para obter imaxes claras, puras, transparentes”.

E aí, Herzog non esaxerou, pois rodou en Grecia (“Signos de vida”, 1968), Camerún (“Fata Morgana”, 1971), As Canarias (“Tamén os ananos empezaron pequenos”, 1970), o Amazonas (“Aguirre, a cólera de Deus”, 1972; “Fitzcarraldo”, 1982), Australia (“Onde soñan as verdes formigas”, 1984)... mesmo subiu a un volcán nas Antillas para rodar “La Soufrière” (1977). Como diría o crítico Antonio Weinrichter: “o cine de Herzog é unha exploración visionaria de todo o planeta.

O cineasta naceu en Munich, en 1942. Estudou historia e literatura, escribiu o seu primeiro guión ós 15 anos, tratou ós 17 de facer unha curtametraxe sobre a reforma penitenciaria e, ó non conseguilo, empezou a traballar como soldador para pagarse as súas películas.

Cruza o charco e estuda na Universidade de Pittsburg, métese no contrabando de armas e televisores, e vive cunha comunidade india coa que quixo crear un estado independente. En 1974 viaxou a pé desde Munich ata París para visitar a unha historiadora de cine alemán. Todo un personaxe.

A súa primeira curtametraxe, “Herakles”, realizouna en 1962. E desde un principio, Werner Herzog dirixiu un cine á parte, alternando o documental coa ficción. Para algúns é precisamente o documental o que mellor se axusta á súa mentalidade.

Herzog admite que para él a narración é menos importante que as visións ou profecías, quizais porque mira ó home máis como antropólogo que como psicólogo. De feito, a única psicoloxía que lle interesa é a dos personaxes. Non lle interesan os límites sociais do home, senón os metafísicos. Os seus filmes máis directamente políticos sitúanse ó principio da súa carreira e asumen a condición de metáforas abstractas sobre o poder. En xeral, Herzog, foi, é un auténtico aventureiro do cine.

Te puede interesar