Opinión

Baixo o ritmo das Tanxugueiras

Baixo o ritmo das Tanxugueiras bailei polas beirarrúas da memoria. Daquela memoria na que un asubío era un guasap e un berro unha chamada, Eran outros tempos. E, este, sabemos que pasa e cambia. Algúns dirán que para ben e outros para peor. Eran, simplemente, outros tempos. E punto.

Baixo o ritmo das Tanxugueiras asumo que a memoria vai a menos, que, co paso do tempo, se queda en tan só iso: no asubío e no berro. Naquel asubío que, tan ben valía para unha pequena conversa como para unha chamada polo cadelo. Naquel berro que, con este si, saía todo o que tiña que saír; desde unha asoballante impotencia ata un latexo de corazón medio escarallado, desde unha carraxe eterna ata unha dor inmensa. E, como non, o berro tamén saía desde a frouma do toxo e o cumio dun palleiro para rachar as tardes de silencio.

Baixo o ritmo das Tanxugueiras souben que, baixo certos sucos da memoria, aínda aboian pequenos sentimentos que foron, pero que, co tempo, pérdense como as bágoas na chuvia de Blade Runner. E deses sucos asoman aqueles berros que valían para un roto e para un descosido, para o tute como para a brisca. Berraba pola ansia que sentía e pola certeza de que algo había... neses recantos da memoria, que, certo, cada vez son menos. O tempo pasa e todo cambia.

Baixo o ritmo das Tanxugueiras deixo de bailar xa para non desgastar máis esa memoria. En vez de bailar, asubío e berro. Polos que teñen memoria. Polos que a estamos perdendo.

Te puede interesar