Opinión

O Batman deste tempo escuro

Vou loitar contra as adversidades dun tempo que non remata, pero ó que vencerei. Vístome co traxe de Batman e voo polas noites escuras na procura dese inimigo invisible que nos está matando. De tellado en tellado chouto con xenreira e, ó mesmo tempo, cun sorriso nos beizos. Porque sei que como atope esa adversidade que nos amola penso rillarlle a alma. Son o Batman das noites sen ninguén polas rúas. É complicado atopar o mal. Pero buscareino por entre as antenas da capital. Acougarei nos balcóns para berrar, para cantar e para pensar nesa adversidade á que quero matar. Matarei por ti, por aquela e polo outro. Matarei porque teño armas sofisticadas. Porque son o Batman deste tempo escuro, deste tempo turbio, deste tempo que nin corre nin voa, deste tempo que non se move. Xa farei eu que se mova. Que se mova por entre as rúas do silencio, por entre os balcóns dos aplausos e por entre as tristes caras da ansiedade. Vou loitar con forza e moita bravura porque todos temos dereito a un mañá, a un futuro sen practicamente adversidades. Subo ó batmóbil para percorrer as distancias entre o ben e o mal. Furgo en cada recanto para facer luz na escuridade e aproveitar para deixar un recordo en cada curruncho. No día de mañá, os recordos escribirán a historia dunha loita sen cuartel contra unha adversidade que nos pillou un pouco desprecavidos. Pero vencerémola, vencereina, que para iso son o Batman deste tempo escuro, deste tempo que, o maldito, non quere rematar. Rematará

Te puede interesar