Opinión

Beleza máxica

A complicada intriga de “Sorrisos dunha noite de verán” (1955), a complexidade de relacións entre os diversos personaxes, fan do filme unha especie de sensacións no que continuamente se xustapoñen diferentes actitudes e puntos de vista respecto ó amor. Quizais a palabra clave do filme sexa equilibrio. Equilibrio entre ironía e simpatía, equilibrio entre posturas diferentes. A estilizada montaxe “de época” contribúe a este equilibro total.

A fins do século XIX, nunha pequena cidade de Suecia, o avogado Egerman, cuxo fillo rematou os seus estudos de Teoloxía nunha universidade luterana, ó enviuvar, casou hai dous anos en segundas nupcias con Anne, que ten a idade de Henrik. O matrimonio non chegou a consumarse. Anne e Herik séntense atraídos e a sensual serventa Petra é unha continua tentación para o mozo.

Encantadora comedia de costumes que xunta a unha serie de parellas, exparellas e parellas en cernes e proponlles un xogo de amor nunha casa de campo nunha fin de semana do verán de 1900. Implacable coas pretensión dos seus personaxes, pero cunha especie de tenrura irónica cando estes se queiman no seu propio fogo, é unha escolma de amor divertida, erótica e moi ben interpretada.

A contextura de “Sorrisos dunha noite de verán” é deliberadamente teatral. O propio director Ingmar Bergman parece anticipar o tratamento nos títulos de crédito cando cualifica a súa película de “comedia romántica”. Agora ben, poucas veces vin unha máis que interesante correlación cine-teatro, no sentido de que Bergman emprega unha serie de medios específicos cinematográficos para construír un ritmo, unha acentuación, unha comunicación profundamente teatrais. A planificación das escenas, a maneira de complicar as relacións e conflitos, a progresión da acción, a interpretación, a escenografía, os exteriores, todo ten esa medida última do verdadeiro e gran teatro. Incluso podo anunciar o seguinte paradoxo: “Sorrisos dunha noite de verán” é unha extraordinaria representación teatral grazas ós medios especificamente cinematográficos, é dicir, un filme de gran beleza máxica e cheo de carácter.

Te puede interesar