Opinión

Berrando sentimentos

Senta nun penedo que hai á beira do camiño e contempla a vida pasar. Porque a vida pasa tal como flúe, como discorre a auga dun río, de calquera río. Tamén os pensamentos aboian mentres o sol se pon por detrás dun outeiro. Pensamentos que van e veñen por unha pel que latexa e súa ante unha ansiedade que está aí, que sempre estivo aí. E deita en silencio apegado a esa pel que o reconforta, que o fai xemer, que o eleva silandeiro por un desexo eterno.

Olla o pardal que acocha por entre unhas toxeiras e vese melancólico ante unha ollada que lle lanzan desde unha foto. Debuxa un compás de espera nesa soidade que o aperta. E mentres un gaio voa para cruzar ese río calquera, voan os seus soños na procura dun tacto suave e húmido, na busca dun instante platónico, sentimental. Berra por ese latexo que nota no seu peito e por esa sensación que lle chega de cando o berro queda en silencio.

O home ergue do penedo e busca o horizonte para perderse entre os recunchos da memoria, de cando deixou caer un salouco por un saúdo ó outro lado do teléfono. Hai momentos nos que o home flota polo universo que non ten fin e acariña, aloumiña un corpo que o tenta e que o ve máis alá do desexo. Berra por ese momento que non chega. Berra por ese anhelo que o mata. Berro por ese silencio de estar á súa marxe. Berra por esa pel que súa, que queima, que cingue. Berra por ese xemido que ambiciona. Berra por ela.

Te puede interesar