Opinión

Bipartidismo no cine

Non falo dos Goya porque non os vin. O caso é que me tirei toda a tarde do domingo e boa parte da noite pensando neles e na súa retransmisión, pero á hora da verdade déronme medo (coma nos Oscar) os agradecementos, as grazas e favores. 

Sabía que ó día seguinte, nos medios de comunicación, sairían aqueles detalles e aqueles premios máis importantes, polo que así me aforraba a típica canseira de oír parvadas. Ademais, intuía que moitos dos discursos ían ter un único receptor: o “espléndido” señor ministro de cultura (“La cagaste, Wert Lancaster”) que fuxiu co rabo entre as pernas para non recibir as paus que lle ían caer. Señor, Wert, a ver se nos decatamos de que, no seu posto, na súa profesión hai que andar ás duras e ás maduras.

O que tamén seica deixou a gala foi a súa defensa a morte do cine español. Normal; estamos no noso país e era sobre o cine do noso país. Emporiso, ante isto, non hai volta de folla: que será criticado unha e outra vez porque seica é malo, seica só saber versar sobre dous ou tres temas (a Guerra Civil, a putería e algunha comedia escatolóxica), seica non acabamos de deixar a ladaíña de “puff, unha españolada”. A ver se me explico; no cine pasa como na política ou no fútbol, que non hai forma de esquecer o bipartidismo. No cine, ou ianqui ou español. Claro, o ianqui fai e “impón” miles de películas que, á larga, arrecunchan, acurralan a calquera cinematografía (se exceptuamos un chisco a francesa, porque en Francia si miran polo deles). Pero, a máis películas, tamén máis trapalladas. Cantas películas boas saen ó ano en Estados Unidos? Seis? Sete? Pouco máis. E en España? Tres? Catro?. Pois, en proporción, resulta que aínda se fan mellores películas no noso país que allende los mares. É o noso subconsciente o que nos afasta do noso cine... puff, unha españolada. Só queremos ver o Real Madrid-Barcelona, pero este luns pasado contemplando o Celta-Bilbao resulta que vin o mellor partido de liga desta temporada, polo menos o primeiro tempo. Cantos viron este partido ese día?... puff, un Celta-Bilbao. Non é a primeira vez que o digo, nin será a última: que se hai medios faise bo cine en calquera país do mundo. Aquí é onde está a gran diferenza.

Te puede interesar