Opinión

Borracheira mística, borracheira mental

Rematado o Mundial de Qatar, a vida segue. Recoñezo que, a min, o Mundial trastornoume un pouco a vida. E iso que España non tardou en caer eliminada. Mais un Mundial é un Mundial. E, claro, por suposto, hai vida máis alá do Mundial. Incluso no mesmo Mundial houbo outra vida máis alá da futbolística. Non sei, pero falar, por exemplo, da vida política hai que ter perendengues. Hoxe por hoxe, a política española avanza (é un dicir) a base de insultos, desprezos, escarnios e moita desvergoña, iso si. Agora, dentro duns días, rímonos dalgunha escena televisiva en certos Parlamentos mundiais; coma se o noso fose moito máis honrado. Visto o visto...

Ver seica non viu nada un cura que chocou na cidade de Valencia contra cinco coches a causa da súa embriaguez. O pobre achacou a súa candonga ó viño da misa. Pero tan só dunha misa. Anda que como teña varias parroquias non quero nin pensar como chegará á casa.

Quen tivo unha boa borracheira mental foi esa garda civil de Cuenca que matou ás súas dúas fillas por vinganza. Desde que o mundo é mundo, nas vinganzas case sempre hai danos colaterais. Ela pensou que, matando as fillas, vingábase do home. O home sufrirá, berrará e chorará, pero as nenas (que estaban aínda en idades inocentes, idades de risas, de alegrías, de xogos) nin tan sequera poderán xa facer iso: o sufrir. Porque é certo que a vida é un sufrimento. Para elas xa nin iso. Despois, a nai, suicidouse. A típica pregunta de sempre: por que non se suicidou primeiro? Ou se tanto mal lle quería facer ó home, por que non foi primeiro por el? Hai que ter peito (non digo conciencia porque xa se viu que non tiña ningunha) para matar a dúas criaturas, e moito máis sendo fillas. Só ler os titulares dos periódicos os pelos póñense de espeto e a emoción asoma ós ollos. Pobres criaturas.

Seguen as loitas (en principio ficticias) polos alumeados de Nadal. E segundo comentaba hai pouco que non tardariamos en iniciar tal acontecemento ó rematar as novenas de Os Milagres (8 de setembro), moito coidadiño con esas loitas ficticias que, ó mellor, non tardan en facerse reais. Que se a miña vila é máis bonita cá túa; que se nós empezamos antes cá vós; que se neste lugar hai máis bombillas cá no outro. Moito coidadiño con iso de ser máis que.

Te puede interesar