Opinión

Camiño do mar

Collo o camiño que me leva ó mar. Quero ver o mar. O camiño é longo. Dun par de días. Pero é igual. Paso a paso, legua a legua, marco a marco irei avanzando. Sentarei nos valados dos camiños ás sombras dos castiñeiros. Ou dos carballos. Négome a sentar ante uns eucaliptos! Paso a paso atoparei labregos cos sachos ó lombo. Legua a legua botareille algún bocado ó pan e touciño que levo no macuto. Marco a marco medirei, á ollo (que é a mellor medida do mundo, case sempre a máis exacta), as leiras de millo, ou de centeo, ou de patacas, ou deses terreos nas que sementamos de todo. Pouco a pouco achégome ó mar. Quero ulir o mar. Quero ver o mar. Quero escoitar o mar. Baixo a música de Jerry Goldsmith cruzarei aldeas e regatos e pontes e estradas e vías de ferrocarril. Coa forza musical de Thee Blind Crows choutarei por enriba dos atrancos que me impidan seguir o camiño do mar. Porque nos camiños, coma na vida, sempre hai, sempre haberá atrancos que hai que sortear. Uns custarán máis que outros; pero cando a ansiedade é moita facemos o imposible por deixalos atrás. A miña ansiedade por ver o mar é inmensa. Para, ó chegar alí, quedar todo un día e toda unha noite en silencio... escoitando o ruído do mar.

Te puede interesar