Opinión

Cantidade ou calidade

Cantidade ou calidade. Volume ou mestría, clase. Ás veces semella que algúns escritores non quedan contentos se non escriben un libro de, por exemplo, 600 ou 700 páxinas para contar, outro exemplo, un ou un par de asasinatos.

O outro día acabei de ler o libro “A última morte en Goodrow Hill”, de Santiago Vera, que consta de 671 páxinas. Vai sobre uns asasinatos que, si, entretén, e moito. Está moi ben. Pero hoxe rematei de ler “A descoñecida”, de Rosa Montero e Olivier Truc, que tan só ten 160 páxinas, ou sexa, 500 menos que o outro. Este tamén vai sobre uns asasinatos e tamén entretén, e moito, incluso case me atrevo a dicir que máis que o voluminoso.

Ó que vou é que se pode contar case a mesma historia, ou polo menos a esencia da historia (asasinato, investigación e desenlace), nunhas pouquiñas páxinas e non facendo perder varios días nun armatoste. Non me estraña que cada vez se admire máis (algo que xa teño contado) ós que publican viñetas, que cunha simple frase ou un pequeno debuxo, describen todo un mundo.

Cantidade ou calidade. Volume ou mestría. Isto mesmo se pode trasladar ó cine, a esas películas de dúas horas e pico (ou máis) que contan unha historia que outros directores (xeralmente os bos) a contarían en menos dos 90 minutos estándar. Todo é cuestión de facer uso desa mestría que algúns escritores ou directores teñen. Os demais intentan adornar con flores certos xardíns que acaban murchando.

Te puede interesar