Opinión

Cara de mono

Ti vesme cara de mono? Non teño cara de mono. Quen ten cara de mono? Quizais o que asubía por entre os toxos dunha matogueira? Ou o que se deita entre a herba seca nunca palleira? Non teño cara de mono, maldita sexa! Algúns pensan que porque vaia de solitario pola beira esquerda do río Arnoia xa é porque vou en contra do universo infinito. Se máis dunha vez teño subido pola orela dereita. Certo que cando caio na conta de que ando a pasmar polas dereitas, goldro axiña o río para pasar á outra beira. Incluso goldrando o río non teño cara de mono! Ou acaso me segues vendo cara de mono? Feijóo di que os cataláns non teñen sorte cos seus políticos. Agora si que se me quedou cara de mono! Porque nós, os galegos, temos unha sorte bendita que dá gusto sentila! Nós temos unha sorte tan grande de ter uns bos políticos, que ata as augas do río Arnoia se abren para que eu cruce dunha beira a outra sen mollarme! Agora si che recoñezo que teño cara de mono! Vou ter que instalarme na ponte das Cepas para que, ante o abismo, se me quite de repente esta cara de mono que me quedou.

Te puede interesar