Opinión

Carga emocional

Teño tal carga emocional encima que teño que andar cunha almofía de continuo por debaixo do papo. As emocións son tan fortes que choro a mares. E non hai panos de mans nin panos de papel que me cheguen para enxugar as lágrimas. Choro de emoción por calquera cousa; por un pardal que pía, por un grilo que canta, polo vento que zoa, polo gol que se berra, pola canción que se escoita e por todo o que vexo e se move.

Tan só deixo de verter bágoas cando durmo e cando pecho os ollos. Polo día non podo telos sempre pechados porque me esnafro. Cando esperto polas mañás teño que atrasar un pouco a abertura dos ollos para evitar que as sabas, que a cama non tarden en converterse nunha lagoa. Menos mal que sempre teño a almofía a man. Xa falei incluso cun zapateiro para que me prepare unhas cinchas e, con elas, colgar a almofía do pescozo ou da cabeza.

Cando vexo ós nenos xogar ata me custa aguantar a almofía, pois se cunha emoción normal choro a mares, a emoción que se me desborda a causa dos nenos xa non ten nome. Teño que escapar axiña de xunto a eles para que a almofía non verta, non derrame.

A miña carga emocional é tan intensa que non teño tempo para outros sentimentos. Bastante teño con chorar e limpar, chorar e limpar. Pensei en algunha enfermidade, pero os médicos descartaron tal cousa. Fun a varios e nada. Ó saír do último cheguei á conclusión de que, eu, son así.

Te puede interesar