Opinión

O carro diante das vacas

Como nos gusta prognosticar, predicir, profetizar, ir de listos ou de espelidos pola vida. O Comité Olímpico Español, os medios de comunicación, os propios afeccionados prognosticaron unha morea de medallas olímpicas (iso si, nunca máis das 22 de Barcelona’92) que, a día de hoxe (sábado pola tardiña), ou moito apuramos ou quedan nunhas poucas, e pouco máis. Sempre quixemos poñer o carro diante das vacas. Somos así de intelixentes. Non pensamos para nada naquilo de “os contrarios tamén xogan”, ou neste evento que nos ocupa, tamén corren, tamén saltan, tamén nadan, tamén boxean... Só existimos nós e nada máis que nós. E menos mal que precisamente hoxe (sábado) nos atopamos con dúas que case non contabamos, a de ouro, con Fátima Gálvez e Alberto Fernández en tiro, e a de bronce de Pablo Carreño en tenis. Esta, a verdade, e xogando contra quen xogaba (Djokovic) case se pode aclamar como unha de ouro.

As predicións, máis ou menos, contaban como mínimo con 15. Estamos no ecuador dos Xogos e levamos tan só 5. Repito: ou moito aceleramos ou non sei eu... Certo que cada vez (principalmente cos equipos) nos achegamos algo máis ás ansiosas medallas e mentres hai vida, hai esperanza. Pero isto mesmo tamén o dirán os participantes e afeccionados das outras nacións. Así é que, antes de ser adiviños, poñamos primeiro as vacas diante do carro e despois que a realidade dite sentenza.

Como sentenza empeza a ditar tamén o propio verán coa realidade dos incendios forestais. Os medios de comunicación empezan a informar xa desta lacra que nos queima, que nos abrasa ano tras ano. Unha realidade que esconde (á forza) certos intereses. Non sei moi ben de quen, aínda que imaxino que de todos... as madeireiras, os pastos, os xabaríns... Todo suma. E o que empeza como un interese, axiña pasa ás veces a unha auténtica traxedia, xa que non hai ano no que non haxa algún falecido polas lapas asasinas, que alguén prendeu e incluso manipulou para que fagan o máximo dano posible. Ata hai pouco os incendios eran un mal que “só” deixaban unha paisaxe triste e negra. Pero agora (debido quizais a que hai moita máis broza nos montes), a maiores de deixar negrura, tamén deixan outra negrura, a da morte. Non podemos quedar de brazos cruzados vendo como arde o país e a xente.

Te puede interesar