Opinión

Carta de amor

Despois de rodar no outro lado do charco “A viaxe das súas vidas” (2017), con eses dous monstros da interpretación chamados Helen Mirren e Donald Sutherland, o italiano Paolo Virzi volveu á súa terra para dirixir un ano máis tarde “Noites máxicas” (que entra neste Festival de Cine no ciclo Inéditos en Ourense), unha comedia agridoce, nostálxica, deliciosa e na que amosa algo así como unha pequena homenaxe ó gran cine italiano, na que abundan as mencións ás súas lendas cinematográficas e ós personaxes inspirados nelas. Hai alusións a Ettore Scola, Federico Fellini, Mario Monicelli e Dino Risi, entre outros. Polo que, “Noites máxicas” é como unha carta de amor do director a unha época da industria na que aínda reinaba a bohemia, as conversas nos cafés e unha informalidade que facía intuír que todo era posible.

Logo dunha boa escena de apertura (a eliminación da selección italiana de fútbol a mans da Arxentina no Mundial de Italia de 1990 e o rescate dun Maserati fundido no río Tíber romano), Paolo Virzi apela ó despregamento dun xeneroso flashback que, coa escusa de reconstruír as motivacións dun crime, vai amasando e contando esa homenaxe que comentaba no anterior parágrafo.

O filme enrólase conscientemente na tradición da comedia “á italiana”, cos seus dardos velenosos aplicados, nesta ocasión, á industria do cine. Ou mellor dito, ó ocaso definitivo das súas épocas douradas. O descubrimento do cadáver dun produtor provoca a detención de tres mozos aspirantes a guionistas. Os mozos, algo inxenuos en canto ás prácticas reais do oficio, intentan inserirse profesionalmente coas súas creacións, pero o que atopan son grandes nomes que empezan a estar de capa caída, “autores” dispostos a conceder toda clase de liberdades e un estado xeral de desesperanza. Entre apunte e apunte, a trama avanza a bastante velocidade, choutando dunha escena a outra, e se algo non lle falta a “Noites máxicas” é ritmo.

Pasado, presente e futuro nunha bonita comedia polas rúas dunha Roma espléndida, que ó final resúmese nunha nostalxia doce de cines e de tempos mellores.

Te puede interesar