Opinión

Un castigo que non procede

Se collo o ascensor e viaxo á época do colexio dos Milagres, é dicir, á década dos setenta, nun recanto da memoria atopo aqueles castigos ou sancións ou represalias que estaban á orde do día. De xeonllos cos brazos en cruz e con libros nas mans. Copiando cen ou duascentas veces tal frase ou cal parágrafo. Sen recreo. Sen xogar ó fútbol. Unhas labazadas por aquí, un arrinque de pelos por alá, unhas amoxetaduras nos brazos e outras cantas cotobeladas na cabeza. Incluso unha noite, o padre Blanco, nos tivo ata as dúas da madrugada, de pé, firmes, no campo de fútbol a todo o colexio. O cómic do Jabato espichado nas costas dun servidor e un amigo con eses alfinetes que levan as monxas na capucha da cabeza, no velo. Pero nunca nos oito anos que botei nese colexio nos deixaron sen comer. É máis, castigábante en tal caso por non comer o caldo ou a potaxe ou as lentellas, que era o que máis imperaba. Hai un tempo, o Centro de Ensinanza Infantil e Primaria de Silleda castigou a trece nenos sen comer. A estas alturas! Nestes tempos! Agora, a Consellaría de Educación prohíbelle ós colexios castigar ós nenos sen xantar. É coma se retrocederamos ós tempos da posguerra. Incluso no mero feito de prohibir. Hai certas normas que ninguén llas ten que ditar ós colexios. Ninguén lle tiña que prohibir nada porque se entende que ese castigo non procede hoxe en día. Nin antigamente. Pero xa se sabe qué pasaba antigamente.

Te puede interesar