Opinión

Chorará por unha ilusión

Un home chorará por unha ilusión que acouga entre nubes de algodón e refachos de esperanza. Non lle terá medo ó que dirán. E deixará escapar bágoas de orballo por un futuro que aínda non coñece pero que pensa que estará detrás do palleiro de herba seca; aquel no que puxo toda a súa paixón para que o vento non llo levara. O vento non llo levou e a ras do pé furgan os soños que entre lume e lareira asomaron por todas as noites de inverno da súa infancia. A infancia do home que chorará por unha ilusión foi dura e eterna, foi pobre e non tan pasaxeira. Pero seguiu navegando por entre as nubes de algodón para buscar e, ó final, atopar un remanso de paz dentro dun furacán. Todo nesta vida consiste en buscar para poder atopar. Sempre se acaba atopando. Pobres daqueles que renuncian ó fervor dunha quimera e se deixan bater pola nugalla dunha congoxa. Non hai como bailar sobre un corno da lúa nova. Pero o home que chorará por unha ilusión deita sobre a inercia dun trastorno que lle vai e vén polos carreiros, polos vieiros dunha virtude que non quere ver, pero que a ten. Todo home merece unha inspiración para poder vivir aínda que só sexa unha pequena esperanza. Din que a esperanza é o último que se perde. O home que chorará por unha ilusión non a perde.

Te puede interesar