Opinión

Cine sobre cine

En 1969 o cineasta arxentino Hugo Santiago dirixiu "Invasión", a súa ópera prima, e logo emigrou definitivamente a Francia. A película "O teorema de Santiago" documenta o seu regreso a Bos Aires en 2013 para filmar a súa última película: "O ceo do centauro".

"O teorema de Santiago" debe o seu título á idea do realizador de que toda película debe ter unha estrutura tan lóxica e fatal como a desa figura matemática. Tributo e crónica, o filme, coa súa elaborada ordenación ou estrutura, simula resolver misterios mentres entrega outra sentida declaración de amor a Bos Aires.

"O teorema de Santiago" é unha película sobre como pensa o cine este realizador notable e influente pese á súa escasa obra, sobre como é o seu brillante e indescifrable método de traballo e, si, sobre como se planificou, se realizou, se editou e se estreou o máis recente traballo de Hugo Santiago, a xa citada "O ceo do centauro".

Os recursos que utilizan Ignacio Masllorens e Estanislao Buisel, os directores deste documental, son múltiples, variados e na súa maioría atendibles: desde "poéticos" intercambios de correos electrónicos ata charlas con Hugo Santiago en París e Bos Aires, un pormenorizado rexistro da rodaxe e testemuñas dos que traballaron no proxecto, desde a produtora executiva ata o coguionista, pasando polo fotógrafo, por xente que lle profesa admiración e devoción. A película é unha oda ó mestre, un documento sobre unha forma de facer cine xa en vías de extinción.

Obsesivo, metódico, perfeccionista, obstinado e, polo tanto, un pouco ditador, Hugo Santiago é un bulebule que arrasa no set pese á súa avanzada idade. Velo en acción e escoitalo constitúe unha clase maxistral que debería proxectarse en todas as escolas de cine. "O teorema de Santiago" é, señores, cine sobre cine.

Te puede interesar