Opinión

O cine é humano

Utilizando só unha serie de entrevistas realizadas cunha posta en escena mínima (un cuarto cunha simple cadeira), o director brasileiro Eduardo Coutihno logra algo en aparencia sinxelo pero que adoita tornarse complicado para moitos: obter unha gran dose de verdade de personaxes cotiáns, atopar sabedoría en persoas comúns e correntes. E vaia se o consegue no seu filme documental "Últimas conversas".


Nestas conversacións finais, a tenrura, as alegrías e tristezas, as deliciosas reflexións en voz alta dos mozos entrevistados chegan con tal potencia que o público sorrí, chora, emociónase ó unísono coa charla entre o director e os seus personaxes. O gran logro de Coutihno é poder conectar de maneira tan íntima cos seus entrevistados e obter deles confesións persoais moi duras e emotivas unhas, tenras e graciosas outras, todas atadas por unha gran carga de veracidade e honestidade.


Dicía que a realización dun documental coma este aparenta ser sinxelo, sentándose con algúns mozos nunha habitación baleira, poñer unha cámara e falar sobre a vida cotiá. Emporiso, fai falta alguén con moito percorrido vital, un experto nas interrelacións humanas, para atopar personaxes tan únicos coma os que vemos en "Últimas conversas". Intúo ademais ese arduo, laborioso traballo de investigación, de moitas entrevistas previas con varios candidatos para atopar o montón de carismáticos mozos que vemos na pantalla. Rapaces cuxas historias poida que non foran moi orixinais pero que logran transmitilas dunha maneira tan especial que captan toda a nosa atención, tanto como a do propio director.


Eduardo Coutihno despídese sen sabelo con este filme (rematado de maneira póstuma por João Moreira Salles, cineasta e mecenas do falecido documentalista) demostrándonos unha vez máis que o cine é humano, que o cine contén verdade e que o cine somos todos nós. Marabilloso, espléndido documental.

Te puede interesar