Opinión

Coa administración topamos

Traballei toda a vida na Administración. Sei máis ou menos de que pé coxea. Porque coxear coxeou sempre. A Administración. Non os seus funcionarios. Si, sempre haberá toxos por todos os lados; pero, en xeral, cumpren co seu cometido, por veces facendo máis do que deberían facer. Pero, si, iso vai na persoa.

A Administración sempre foi un pouco ou un moito un galimatías. Tratando ó paisano coma un saco de patacas: de aquí para alá, polo aire e polo chan, con soberbia e sen compaixón. Aquel famoso “volva vostede mañá” colleu fama porque tal acción estaba á orde do día. Sei de moita xente, eu mesmo, que por evitar tratos coa Administración deixa de solicitar certos papeis ou certas subvencións. Poñen a un tolo.

Agora mesmo, e con isto da Internet, que semella que nos debería alixeirar un pouco os trámites; pois ben, tan só con pedir cita previa, ás veces vólvese o asunto como para acabarlle coa paciencia a calquera. Ou te armas de valor e segues dálle que dálle ou renuncias a todo e mandas á Administración a tomar por aquel sitio. A maiores de que, non todos os paisanos poden botar man da informática, e os que poden, algúns, non saben ou non sabemos desenvolvernos polos programas de certos ministerios. Porque, si, a informática é moi bonita e axuda moito se a dominas ben. Se non, ponte medio turuleque ou tarambaina completo. E para certos asuntos xa non admiten a presenza física. Búscate a vida, paisano!

A Administración empeza a copiar cousas dos bancos. Estes, para certos trámites, obrigan a ir de tal hora a tal hora. A Administración empeza a dicir que se non tes 65 anos, que nada de presenza física nas súas oficinas para consultar ou arranxar tal tema ou materia, que te busques a vida por medio das aplicacións informáticas. Seguro que dentro duns meses tan só quererán atender ós que coxeen da perna dereita.

Á Administración, ese conxunto de persoas e organismos que se ocupan da xestión dos asuntos públicos, quédalle moi bonito tal definición, pero da teoría á práctica... pois vai coma iso, coma o de ter 65 anos ou non, por exemplo. Que a maioría das veces o propio paisano ten que buscarse a vida por si mesmo, que como espere pola Administración... esta consumiralle os folgos.

Te puede interesar