Opinión

A coiraza da indiferenza

Ruído de sabres no Congreso. Ruxerruxe de carraxe nas miñas entrañas. Porque hai seres humanos ós que lles cae grande o de almas humanas. Só lles faltou coller os fusís. Porque non os tiñan alí. Ruído de improperios, de aldraxes nun recanto da nosa sociedade. Non recanto que nos debería representar e... vaia se nos representa! Aí, precisamente aí, descubrimos a besta, o diaño que levamos dentro. Ruído de versos que non riman e de bailes que nos atrapallan ou que nos pexan. Somos catro pasmóns furgando nun galiñeiro. Somos catro paspáns fozando nun formigueiro. Ruído de palabras que veñen e van polas bancadas dunha cámara democrática. Dunha que? Dunha presunta cámara democrática. Golpes sonoros. Pés que zapatean impotencia e incapacidade. Algarabía no galiñeiro. Barullo nos asentos. Menos mal que opto por vestir a coiraza da indiferenza. Pero, iso si, cun sexto sentido posto en Portugal. Menos mal que opto por non ler declaracións de guerra escritas sobre os mastros dunha bandeira. Aínda que, iso si, cun sexto sentido buscando un paso para cruzar a fronteira. Ruído de olladas nas que ves que, máis alá do iris, da meniña dos ollos, hai moita xenreira. Moito ruído. Demasiado ruído. É difícil vestir a coiraza da indiferenza.

Te puede interesar