Opinión

O coloso oculto

Se algún cineasta merece a consideración de gran esquecido é Allan Dwan. Pola magnitude da súa produción e, pese ós seus altibaixos, merece a consideración de coloso oculto. Como cineasta empezou no período mudo cando o cine estaba no momento da súa organización sintáctica e industrial. Os seus primeiros pasos no medio foron en 1909, ó ano dos comezos de Griffith, e a fin da súa carreira producirase nos primeiros anos sesenta.

A diferenza doutros grandes clásicos americanos como John Ford ou Raoul Walsh e incluso Cecil Blount De Mille, o realizador de “Al borde del río” mereceu os mesmos desdéns, pero non recibiu as reivindicacións, ás veces cosidas de paternalismo, dos demais. Quizais polo mal coñecida que é a súa figura ou quizais tamén porque en Dwan non hai ocasión para a mítica do Primitivo. No libro de Peter Bogdanovich o cineasta cando fala da súa actitude ante o oficio, exponse con naturalidade, sentido práctico e falta de orgullo persoal. Mal coñecido e pouco valorado, hiperprolífico e cunha carreira que se estendeu ó longo de seis décadas e que ós seus oitenta anos desexaba continuar.

Nado en Canadá, as súas primeiras actividades serían as de enxeñeiro eléctrico e empezarían en Essanay escribindo guións, producindo e dirixindo nunha época na que a sectorialización do sistema e, polo tanto, a especialización, aínda non se coñecían. Bogdanovich considérao o inventor da “dolly” en “David Harm” (1915), axuda en 1916 en problemas técnicos a David W. Griffith para a súa “Intolerancia”, dirixe a Lillian Gish, Mary Pickford, Dorothy Gish e, moi en especial, a Douglas Fairbanks e a Gloria Swanson, e despois aventura que algunhas das obras que realizaron entre 1916 e 1918 foron das mellores. En todo caso “Robin Hood” (1918) é unha obra mestra chea de humor, imaxinación visual, inventiva, sentido da espectacularidade e atractivo estético.

Para o seguinte sábado seguiremos falando de Allan Dwan.

Te puede interesar