Opinión

Comedia aburrida

Unha década despois do famoso baile de “Pulp Fiction”, John Travola e Uma Thurman volveron marcarse uns pasos (presumiblemente) sexys. “Be Cool” (2005) promoveuse arredor de datos tan peregrinos coma este (e algún máis, como a presenza de Stven Tyler, líder de Aerosmith, nun pequeno papel), quizais porque non hai modo de vendela con afirmacións sobre a súa calidade.

Facía tempo que non se proxectaba unha comedia de acción procedente de Hollywood tan aburrida como esta. Certo que as houbo peores, pero non tan pesadas, tan insípidas. Algo sorprendente se temos en conta o nome do seu director, F. Gary Gray, autor de notables divertimentos como “Negociador” (1998) e “The Italian Job” (2003).

Secuela de “Como conquistar Hollywood” (1995), baseada tamén nunha novela de Elmore Leonard e de novo con John Travolta como o ex mafioso que lle dá un xiro á súa vida para introducirse no mundo do espectáculo, “Be Cool” ambiéntase esta vez na música, ó parecer chea de mafiosos, ameazas, chantaxes e rapeiros de vida trémula e gatillo fácil.

O guión de Peter Steinfeld (“Outra terapia perigosa”) non ten o menor atractivo, os secundarios que exercen de cómicos resultan insoportables (Vince Vaughn, á cabeza) e a moza cantante protagonista á que pretenden fomentar, impulsar na industria discográfica é un absoluto misterio: todos falan dela como se nacera un novo Mozart o uns novos Beatles, pero cando se pon a cantar está incluso máis cerca de Celine Dion que de Alicia Keys.
Cunha produción espectacular (hai secuencias multitudinarias rodadas nun partido de baloncesto de Los Angeles Lakers, nun concerto de Aerosmith e nunha entrega de premios da MTV), a película semella máis preocupada pola mitomanía que por ofrecer un verdadeiro entretemento. Nunca traslada a sensación brillante da súa foto promocional a algo auténtico na pantalla, a maiores de que o director non ten nin idea de como facer rendible o emparellamento das estrelas Travolta e Thurman. Algún chiste funciona, polo que nos fai asomar un leve sorriso, pero axiña o aburrimento se fai dono e señor da súa metraxe.

Te puede interesar