Opinión

Comedia de aventuras

En cada nova obra, Wes Anderson demostra que segue apuntando maneiras para converterse nun autor de categoría, para realizar a gran película que se aseguraba desde a prometedora “Bottle Rocket” (1996) e, sobre todo, desde a enigmática “Academia Rushmore” (1998). Non obstante, Anderson, un dos máis orixinais directores de comedia dos últimos tempos, gabado nos festivais internacionais por unha parte da crítica mentres que a outra pégase porradas coa incomprensión, corre o perigo de quedarse estancado na simple extravagancia. En “Life Aquatic” (2004) volven relucir os seus sinais de identidade e algunhas das súas grandes virtudes.

Ó seu extenso catálogo de personalidades excéntricas hai que engadir ó protagonista de “Life Aquatic”, un oceanógrafo chamado Steve Zissou, irremediablemente unido ó nome de Cousteau e interpretado con graza e gran economía xestual por Bill Murray, un actor que semella percorrer o camiño contrario ó doutros pesos pesados do oficio, que en cada película sobreactúan máis. O sarcasmo, os comportamentos disfuncionais e o inconformismo de Anderson seguen presentes na galería de personaxes que acompañan a este obsesivo especialista mariño que só ten ollos e oídos para a persecución dun gran tiburón. Ademais, o director marca os tempos da súa película co seu acostumado ritmo lento, tan particular nunha comedia. Anderson, como xa fixera na aparatosa, melancólica, tráxica e mortalmente irregular “Los Tenenbaums”, dálle a volta ás coordenadas clásicas e crea unha romántica comedia de aventuras con algúns toques de cine de acción. De novo  demostra que é un artista na elección das cancións que forman a banda sonora e, sobre todo, na súa utilización baseada no contraste. Nas súas películas nunca soa o que se imaxina. Deste modo, como na mellor secuencia da súa carreira, Anderson arreguiza en algún momento grazas a esas melodías de David Bowie interpretadas a ritmo de bossa nova.

Emporiso, as escenas de acción non poden estar peor rodadas e, lonxe de achegarse á gran película prometida, parece estancarse nunha extravagante pose de “freak” periódica da que oxalá fuxa algún día.

Te puede interesar