Opinión

Comedia con tiraliñas

Os irmáns Joel e Ethan Coen seguen afinando o seu estilo e a súa ciencia de comediantes. Buscaron case sempre combinar as inesgotables tradicións da comedia clásica de Hollywood coa súa marca de fábrica, o seu gusto pola rareza e por algo tan pouco riseiro como o golpe de efecto lúgubre e chocante, surrealista e expresionista.

Estes magníficos aventureiros do perigoso xogo de ir contra a corrente no cine estadounidense ás veces meten a pata e outras equilibran con cautela o seu prurito de autoría e o seu instinto de comediantes de pura raza, e así logran delicias de xenuína comedia como as que vertebran “Fargo” e “O gran Lebowsky”, onde se resolven con moita soltura as enormes dificultades de construción que ofrece este difícil xénero, que é o máis necesitado dun guionista e un director con regra de cálculo entre os ollos, e dun produtor sagaz que confeccione un reparto á medida dese cálculo. E todo isto lévaos a esta divertida e preciosa “Crueldade intolerable”, que é unha magnífica comedia, de notable singularidade pero de corte clásico, que bebe, pero sen que asome nela o menor indicio de parasitismo, de fontes tan vivificadoras como as da comedia segundo Preston Sturges, Mitchel Leisen e Howard Hawks.

O resultado é un traballo formal de gran voo, unha comedia exacta, das trazadas con tiraliñas, de cuxa xeometría interior o enxeño desbordado dos irmáns Coen saca chorros de vitalidade, mentres chouta da pantalla un caudal de chispas de graza dun reparto perfecto e en vena, arrastrado por un George Clooney maxistral, irresistible, que dá leccións de intelixencia e ciencia interpretativa e borda un traballo concibido abertamente á sombra de Cary Grant e Spencer Tracy, pero que non se achica ante a lousa dun cotexo con aqueles xenios inimitables e xoga con lóxica propia de ti a ti coa súa memoria, rizando rizos nada fáciles.

Dálle a Clooney a réplica a galesa Catherine Zeta-Jones, que non fai falta dicir que rompe a pantalla coa súa simple presenza, pero que ademais está á altura do seu formidable contrincante nunha gozosa pelexa esquinada che de reviravoltas e formas retorcidas, unha inefable pelexa que obviamente é o lado duro do amable idilio de fondo, que está alí, nas arrevesadas leis da comedia.

Te puede interesar