Opinión

Comer e calar

Dun tempo para acá queremos meternos en todo, queremos ser mestres dunha sociedade que sempre vai ó seu aire e queremos poñer o granciño de area precisamente nestas datas que semellan especiais para a maioría. Mesmo nos atrevemos a aconsellar os temas de conversación que temos que evitar nestas reunións familiares do Nadal. Aconsellan que non falemos de política nin de deportes. De que falamos entón no noso país? Das herdanzas? A ver quen é o chulo que move o marco dunha leira na nosa Comunidade. Pola política e o deporte berramos, discutimos, insultamos... pero polo marco ata matamos.

Tamén podemos falar das relacións familiares. Todas as conversas sobre este asunto adoitan empezar sempre de broma. A broma axiña sobe de ton e, pouco a pouco, ponse da cor da bile ata que mesmo chega o momento en que rebenta. Cantas máis persoas integren unha xuntanza, máis posibilidades hai de que todo se vaia ó garete, á deriva. Porque a todos nos gusta opinar e sempre queremos que os nosos criterios leven ou teñan razón. É complicado, moi complicado buscar un tema de conversación para estas datas. Ata creo que habería discrepancias co belén do Jácome, que xa é dicir. Algún ata o defendería como se defende el, é dicir, achacando que, polo menos, aínda que sexa mal, se fala de Ourense. Non obstante, é moi triste que queiras acaparar visitantes ou turismo por algo negativo. O primeiro ano, si, a novidade, pero ó seguinte... Así é que, mellor será comer e calar.

Te puede interesar