Opinión

Como a vida mesma

Ola, estás soa?” descubriu para moita xente a unha Candela Peña inmensa e a unha novata directora chamada Icíar Bollaín, que si era coñecida como actriz daquela marabilla titulada “O sur”, de Víctor Erice. Aquela primeira película da Bollaín directora rebordaba alegría, humor e frescura. E cara á aquel espírito volven as dúas artistas (coa axuda da guionista Alicia Luna, que con Bollaín tamén guionizaran outra inmensa película: “Douche os meus ollos”) con “A voda de Rosa”, filme que se proxecta neste festival de cine ourensán dentro do ciclo Inédito en Ourense.

A película arrinca meténdonos de golpe, de súpeto na esgotadora rutina da súa protagonista a través dunha carreira na que choca unha e outra vez contra as súas responsabilidades laborais e familiares e axiña asoma unha viaxe de autodescubrimento dunha muller a piques de cumprir 45 anos, que un día manda todo ó garete para “casarse” consigo mesma.

“A voda de Rosa” é unha comedia ou traxedia, unha traxedia ou comedia que se mete nas asaduras, que tritura o fígado de cada espectador desde o primeiro minuto ata a palabra Fin. É preciosa, é divertida, é agoniante, é absurda, é aterradora... é feliz. Como a mesma vida, como a vida de cada un de nós. Icíar Bollaín volve ó cine dos pequenos xestos e das grandes verdades, ó cine de personaxes e mulleres. E neste filme descóbrenos a necesidade de recuperar un pouco de liberdade cando se perdeu no medio das presións e das responsabilidades da vida diaria. Case podemos dicir que “A voda de Rosa” é unha fermosa película de reconciliación e tamén de compromiso, que clama pola felicidade propia, por tomar as rendas dunha vida e arrincar as malditas cargas ou os malditos lastres autoimpostos e innecesarios.

Parágrafo á parte merece o elenco interpretativo, principalmente esa Candela Peña, chea de matices e realmente espectacular. Non desmerecen nada os traballos de Nathalie Poza e Sergi López, que tamén se ven moi ben acompañados por Ramón Barea e unha revelación chamada Paula Usero.

Te puede interesar